xoves, 13 de outubro de 2016

Cultivando Shiitake


Pasos para o cultivo de Shiitake en tronco a partir de micelio






Previo:


Moi importante!: O cultivo de shiitake pódese facer con moitas madeiras de árbores autóctonas. Mais sempre con sentidiño e amor pola terra, de xeito que esta actividade contribúa a manter os bosques autóctonos, e non ó contrario. No caso do bidueiro, cortando só un pe e deixando varios. No caso do carballo e castaño, de podas e clareos se están moi xuntos, e no caso do eucalipto, procura que, ó cortalo, caia na cabesa de quen o plantou, para que reconsidere a opción de replantar con árbores autóctonas. A mellor época para a poda é ó final do inverno.

Deste grupo de bidueiros, só talamos un, para que o bosque se rexenere

No caso de non seguir o pé da letra o explicado neste párrafo, este documento autodestruirase en 5 segundos.... 5, 4, 3, 2, 1, floshhhh

Madeiras que valen: carballo, castaño, bidueiro, orcalitro.

A madeira debe ser: recén cortada (que non teñan pasado máis de 20 días), coa cortiza en bo estado, e sen feridas previas. Manter a madeira á sombra e sen tocar co solo ata que lle metas o micelio, para que non perda moita humidade e non entren outros fungos facilmente no noso tronco.

O shiitake non se come o cerne dos troncos, polo que debe evitarse usar os que teñan moito (habitual no caso de carballo e castaño cando medraron lento)

O tamaño e grosor non importa, mais pensa que con este método que se explica abaixo, os troncos van ter que ser movidos moitas veces e sumerxidos en auga. (Un tronco de un metro de longo e de 15 cm de diámetro pesa uns 15 kg, que xa é dabondo)

O rendimento, no caso do carballo, é dun 15% de shiitake con respecto ó peso do tronco recén cortado, o longo de 3 anos como mínimo de produción.



Procedemento e coidados:



Unha vez cortada a madeira, comeza unha “carreira” entre fungos espontáneos e nós, para colonizar o tronco. A nosa estratexia é a de invadir o tronco co noso micelio masivamente.

1- Facer furados de 2 cm de ancho e 4 de fondo (aprox) a unha distancia duns 15 cm (aprox). É importante que os cabezais do tronco teñan moi perto furados, pois é por esta zona pola que van tentar entrar outros fungos. A cortiza é a “pel” do tronco, que o protexe de entrada de fungos e perda de auga nos primeiros meses.




2- Inmediatamente despois, encher cun funil os furados co micelio e tapalos cun corcho axudándote dun martelo (de cada corcho de botella pódense sacar 3 ou 4 corchos). Se ó martelear ves que salta o micelio dos outros furados para fora, pon un pouquiño de algodón en cada furado despois de meter o micelio, e pon o corcho despois. Procura non tocar cos dedos o micelio, despois de andar tocando os troncos, terás nos plegues da pel moitas esporas de fungos e bacterias.


Na imaxe vese os grans de cereal infectados de micelio (de cor branca)



3- Incubar os troncos durante un ano polo menos, en condicións de escuridade e humidade. Para isto, apila os troncos xuntos e levantados algo do chan e tápaos cun plástico opaco, nun sitio onde non lle dea a luz directa (baixo unha carballeira ou un souto é o sitio ideal). Cada dous meses levanta o plástico e dalles unha rega ou deixa que chova por eles.

Neste tempo, o micelio exténdese polo tronco. Para comprobar que todo vai ben, fíxate nos cabezais do tronco, estas son as fases: primeiro, verás unha manchiñas brancas (é o micelio), despois todo o cabezal ponse branco, e logo vai virando a marrón.


Os troncos apilados e listos para a incubación. Para o que foron tapados cun plástico opaco durante un ano

Ás poucas semanas, o micelio comeza a asomar polos cabezais dos troncos



Nestas 3 fotos vese a evolución do micelio nos cabezais


4- Poñer a producir os troncos:

Para poñer a producir os troncos, espera a que chegue tempo cálido (a sinal xusta é o inicio da saída das follas nos carballos). Sumerxe os troncos durante 2 días en auga fría e despois ponos á sombra en zona protexida de ventos (especialmente os do norte). Hai moitas formas de dispoñer os troncos. Teñen que estar separadiños entre si, aireados e que toquen o solo coa menor superficie posible, e de xeito que permita o crecemento dos cogumelos cando saian.

Se o tempo é bo para o shiitake (calorciño e sen ventos do norte), comezarán a sair 10 días despois  de sacalos da auga (aprox.)

En Xapón, antes de poñelos a producir, danlle uns golpes (sen danar a cortiza) nos cabezais antes de sumerxilos. Neste punto é importante entender que ó shiitake gústalle os cambios (seco-quente-frío-húmido-vibracións). Doutro xeito non producirá tanto.


Os troncos a remollo. É mellr poñerlle un peso por riba para que estean sumerxidos

Troncos en primeiro plano xa dispostos a producir cogumelos


5- Apañando os cogumelos: podes arrincalos ou cortalos a rente, o caso é que non deixes moitos restos do pe do shiitake no tronco, isto dana ó micelio que segue vivindo dentro do tronco, porque provoca podredumes. O punto ideal para apañar o shiitake é cando comeza a romper o velo que protexe as láminas. Proba a apañalos cos ollos pechados e enseguida te será moi facil saber se están no seu punto.



6- Volta o remollo: 2 meses despois do 1º remollo, outra vez á auga en remollo 2 días. Este ciclo de remollo-colleita-remollo repítese ata que chegue o inverno (os carballos perden a folla). E volta a comezar no seguinte ano e así ata que notes que o universo se expande ou que a produción é tan pequena, que xa non te compensa.

Neste punto, terás un tronco ben podre, que podes deixar descansar nunha zona sombría e húmida para que o visites de vez en cando e lle contes un conto. De seguro que che dará aínda algunha sorpresa.



Aquí agora para rematar, estaría ben algunha musiquiña coma esta, a ver se a adiviñas pola letra:



 إني اخترُتك يا وطني

 حُبّا وطواعية

 إني اخترتك يا وطني

 سِراً وعلانية

 إني اخترتك يا وطني

 فليتنكّر لي زمني

 ما دُمْتَ ستذكُرني

 يا وطني الرائع يا وطني

 دائمُ الخضرة يا قلبي

 وإن بان بعَيْنَيَّ الأسى

 دائمُ الثورةِ يا قلبي

 وإن صارت صباحاتي مَسا

 جئتُ في زمن الجزْرِ

 جئْتُ في عِزِّ التعَبِ

 رشاش عُنفٍ وغضب


domingo, 3 de abril de 2016

Entrevistas da Pingarela

Entrevistas a persoas que respectan a Terra e actúan en consecuencia, a través da agroecoloxía. Son experiencias contadas polas protagonistas. Auga fresca para un futuro en paz co planeta.

A Pingarela é o nome dunha fonte de auga sempre fresca, que descubrín coa miña avoa, e que brota no pobo do Canizo, perto da Gudiña, en Ourense. Sobreviviu á construcción da autovía e do AVE, e é sempre fonte de boas lembranzas e mellores futuros

- Entrevista a María, de Alteia, produtora de trigo ecolóxico en Begonte, no que explica todo o proceso de producción.http://www.ivoox.com/entrevista-a-maria-produtora-trigo-audios-mp3_rf_10886453_1.html

- Entrevista a Demian, produtor de millo ecolóxico en San Antolín de Ibias, Asturias.http://www.ivoox.com/entrevista-a-demian-produtor-millo-audios-mp3_rf_10886516_1.html

- Entrevista a Natalia e Laura, Muiñeiras ecolóxicas do Muíño do Castro, en Castro de Amarante, Antas de Ulla
 http://www.ivoox.com/entrevista-muineiras-audios-mp3_rf_15039307_1.html

sábado, 7 de febreiro de 2015

Xa chegou o inverno e é hora de podar, tanto as polas, como as raíces das estructuras flotantes.


As tres botellas fora da auga


As tres botellas podadadas

 O cesto fora da auga

Fixádevos que o entramado do medio da cesta, que non estivo en contacto coa auga, estase a pudrir. Hai que ter en conta isto, e para que a estructura se manteña seŕa necesario o primeiro ano voltar a tecer na parte superior as polas vivas (as polas das guias da cesta), para que queden entrelazadas. Na parte que vai sumerxida na auga so hai que podar as raíces, que formaron unha maraña que manterá fortemente unidas as guias da cesta.

Raices xa podadas

Parte superior entrelazada para que non se desfaga

As duas estructuras flotando e disfrutando da neve na charca


xoves, 16 de outubro de 2014

Cultivar sen apenas laboreo e coa axuda das pitas


Se tratamos ó solo coma un ser vivo, e non coma un conxunto de minerais materia orgánica e auga, entenderase que haberá que procurar laborear o menos posible. Isto afórranos moito traballo, pois nos é máis facil prescindir do suso de maquinaria e tanto abonado. Tamén respetamos a estrutura do solo e a moitos dos seres vivos que nel viven.
Hai varias formas de cultivar sen laboreo. Unha delas é a utilización de abundante acolchado (palla, follas, papel, etc...) que manteń ó solo protexido e vivo, evitando a perda de auga ou a compactación por acción da chuvia, por exemplo.
Neste caso, e a través destas fotos podedes ver como cultivei neste ano alforfón (tamén chamado trigo sarraceno, ainda que non se trata dun cerereal) nunha superficie duns 200 metros cadrados, coa axuda das pitas e sen voltear a terra, e sen apenas acolchado (o que tamén aforrou moito traballo). Penso que pode ser un bo método para cultivos que precisen bastante superficie, coma os cereais.

As pitas (5 e un galo) estiveron durante aproximadamente 4 meses traballando este cacho de terra,ata que esgotaron a erva natural. Nese momento, foron trasladadas a outro recinto con erva.
Eu prefiro este método que o chamado “tractor de galiñas”, porque así teñen máis espacio para elas.
Así, cada 4 ou 5 meses, múdase de parcela e logo cultivo nela.

Aquí podedes ver as ferramentas que utilicei para abrandar algo a terra: primeiro a forca de doble mango e logo a grada de roda




As pitas, ó deservar tan efectivamente, facilitan moito a labor, deixando a terra facil de traballar.
Esta terra é moi arenosa e pobre, polo que é aínda máis importante procurar non volteala nen traballala demasiado.

Aquí a terra xa traballada, e duas pitas moi contentas de comer todos os bichiños que saían a superficie ó utilizar a forca de dobre mango.




Para sementar o alforfón (maio), fixen surcos moi pouco fondos, e logo acolchei con pouca erva entre os surcos. Deste xeito, a terra entre surcos queda protexida e retén mellor a humidade, importante xa que este solo é moi arenoso e así evitei ter que regar durante o verán.




O alfrofón xa nado



Fixádevos que o acolchado entre liñas é lixeiro (a modo de sombreado), xa que pretendía que as choivas que viñeran no verán, aínda que fosen escasas, penetrasen no solo, pero que o sol non o resecase.



E foi medrando




E florecendo... O Alforfón ademáis de ter unha composición moi nutritiva para as persoas e as pitas (mellora a do trigo), é unha planta que produce moito néctar, que atrae durante case 2 meses a unha chea de insectos, especialmete abellas.



Foi apañado en setembro, cando aínda algúns grans non estaban de todo maduros. É mellor facelo así xa que se esperades a que estean todos a punto, os das primeiras flores de verán caen ó chan, e perdemos moita colleita. Parece ser que hai zonas onde se recolle en feixes que se colgan para que acaben de madurar.




O alforfón é moito mais facil de mallar que os cereais, e neste caso fixémolo cun simple pau sobre unha lona.



Agora só queda limpalo un día de sol e vento, moelo e cribalo para quitarlle a casca. Despois faise unha fariña que nos usamos para misturar co trigo cando facemos pan.





mércores, 4 de xuño de 2014

Estructuras flotantes de salgueiro 2


Pois xa chegou a primavera e aquí podedes ver o resultado de como evoluíron os salgueiros flotantes. As últimas fotos están tomadas no mes de maio. Esta charca é unhas das partes dun sistema de depuración de augas grises (augas da ducha, o fregadero da cociña e de lavar a ropa).

 As tres botellas comezando a brotar
 O cesto comezando a brotar
 As tres botellas xa crecidiñas
 O cesto flotante


É moi lindo ver como, cando sopla o vento, as 2 estructuras móvense por toda a charca. Xa está chea de todo tipo de fauna; escarabellos acuáticos, larvas de libélula que comezan a emerxer, ras...

 

 
Detalle das raíces

luns, 17 de febreiro de 2014

Estruturas flotantes de salgueiro





 Argallando en como dar sombra a un pequeno estanque da horta, pensei na posibilidade de facer un flotador de botellas e salgueiro, que ademais de quedar presioso, cumple moitas outras funcións, e pode ser un punto de partida para investigar na creación de estructuras vivas flotantes que depuran a auga e nos preparan para navegar en invernos de auga coma este, je!

Ideal para augas de estanques ou encoros, nos que queredes crear estructuras flotantes con salgueiro, que brota moi ben en contacto coa auga. Este sistema funcionará ben en augas sanas e vivas, é dicir con bichos varios, aromas a auga estancada, procedentes de augas grises (augas de fregaderos, duchas, nas que teñas utilizado xabóns pouco agresivos), etc... mais non creo que vaia ben en augas mortas (piscinas, ou outras augas cloradas ou tratadas para eliminar calqueira rastro de vida)

Deste xeito, pódense crear formas moi diferentes con moitas utilidades:
Depuración da auga, a través das raíces
Sombra para pequenos estanques (moi importante no verán)
Refuxio e soporte para fauna e flora acuática (especialmente entre as raíces, onde larvas de moitos insectos e anfibios atopanse moi cómodas)
Produción de varas de salgueiro para cesteria ou outros usos
Estructuras flotantes (para flotar ou para facer pequenos percorridos!)

Para facelas, tedes que ter en conta 2 “inconvintes”: O salgueiro verde non flota, así que hai que poñerlle “flotadores” Ten un mantemento anual, que consiste na poda das varas, pero especialmente das raíces, xa que se non, a estructura seque a medrar e gañar peso, índose para o fondo. O salgueiro ten que ser recollido en inverno. Serve de calqueira grosor, xa que brotará si ou si se está en contacto coa auga. Tede en conta que coma todo en permacultura, hai que pensar na posibilidade de “abandono” da estructura, así que para os flotadores é mellor utilizar materiais non contaminantes, coma o vidro. Se utilizades corcho, o mantemento das raíces terá que ser moi exaustiva, se non queredes que se faga unha maraña de raíces-corcho (se é corcho natural non pasa nada, mais se é sintético estades facendo unha guarrada interesante...). Se non utilizades vidro, sería mellor botellas ou garrafas de plástico liso, máis fáciles de manter e despegar das raíces se é o caso.
 


Esta estructura ten 3 anos, e as raíces enguliron os corchos que lle fan flotar. Fixádevos tamén en todo o musgo que medra
 Podedes facer calqueira forma que se vos ocurra. Toda pola de salgueiro que estea en contacto coa auga brotará. Mais hai que deseñar pensando en que ó ser unha estructura viva, mudará gañando en peso e botando longas polas, que pola acción do vento funcionan coma velas e poden (ademáis de servir para navegar) tumbar toda a estructura (comprobado)


Despois dun ano, esta botella forrada de salgueiro xa fixo raíz e polas.


Cada ano, hai que podar as raíces e as polas



Podedes comezar por algo facil como forrar unha botella de vidro de salgueiro, deste xeito xa teredes o flotador feito. Se non sabedes cestear, podedes facelo así:

Con polas frescas de salgueiro recollidas en inverno facedes moitos aros que encaixen na botella




 É mellor que fagades alo menos 2 botellas e despois as unades antes de botalas a navegar, xa que se non, en canto medren as polas, a botella xira e se tumba. Ou tamén poñerlle un flotador lateral de corcho como levan algunhas embracacións tradicionais da polinesia...

Aquí 3 botellas unidas, e detrás un novo modelo. Está pensado para que non deixe de moverse lentamente ó longo do estanque co vento. Por iso é máis alto, e ten os bordes redondeados e os flotadores por dentro, para que non se trabe tan facilmente nos bordes do estanque, que teñen pouco fondo. Utilicei 2 botellas e 2 corchos, atados con corda de sisal (biodegradable), para que sexan faciles de quitar para a poda anual.
 

Só queda esperar a que chegua a primavera e a flipar!